AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



CELÉBRASE ESTE SÁBADO 17, ÁS 21.00 HORAS, NO AUDITORIO DA FUNDACIÓN SEMANA VERDE

O Centro Coreográfico deseña e interpreta unha das pezas de "A sinfonía das fábulas" para o concerto de Nadal da Banda de Silleda

[15/12/2011] O Centro Coreográfico Galego colabora coa Banda de Música Municipal de Silleda no deseño e interpretación dunha das coreografías que integran A sinfonía das fábulas, espectáculo central do concerto especial de Nadal da formación pontevedresa. Baixo a dirección de Rafa Agulló, o recital celébrase este sábado 17, ás 21.00 horas, no auditorio da Fundación Semana Verde de Galicia.

A directora da unidade de danza da Agadic, Mercedes Suárez, creou para a ocasión unha coreografía inspirada na fábula de Esopo A lebre e a tartaruga, a partir do terceiro movemento de A sinfonía das fábulas, unha composición para banda de música asinada pola estadounidense Julie Giroux. Os bailaríns Elena Chamorro, no papel da lebre, e Miguel Ángel Ponte, no da tartaruga, interpretan unha peza na que os movementos clásicos e as zapatillas de punta empréganse para dotar de velocidade e axilidade ao personaxe da lebre, mentres que no caso da tartaruga óptase por un estilo contemporáneo para incidir na lentitude dos seus movementos e nos seu permanente contacto co chan.

Espectáculo multidisciplinar
Do mesmo xeito que nas tres edicións anteriores do seu concerto especial de Nadal, a Banda de Silleda conta con achegas artísticas procedentes doutros ámbitos da cultura para configurar un espectáculo multidisciplinar, que cada ano se articula arredor dun eixo temático.

Neste caso, A sinfonía das fábulas pon en escena outros catro movementos coas colaboracións de Títeres Cachirulo na interpretación de O león e o rato de Esopo; o contacontos Celso Fernández Sanmartín e o frauta solista Fran Seoane, en O frautista de Hamelín dos irmáns Grimm; o artista plástico Marcos Escudero "M’arte", na ilustración con area de O parrulo feo de Hans Christian Andersen, e a compañía Teatro del Andamio, na fábula tradicional escandinava Os tres cabritiños.

A Banda de Música Municipal de Silleda iniciará este concerto con Fanfarria para un aniversario, de Ernesto García Climent. Trala interpretación de A sinfonía das fábulas, o recital concluirá con Celtic Child, de Bert Appermont.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais