AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A UNIDADE DA AGADIC COLABORA CO MERCAT DE LES FLORS E O INSTITUTE DEL TEATRE DE BARCELONA NA PUBLICACIÓN DESTE NOVO NÚMERO DA SERIE, PIONEIRA NO ÁMBITO DA TEORÍA DA DANZA CONTEMPORÁNEA

Edítase coa colaboración do Centro Coreográfico o cuarto volume da colección "Corpo de letra" centrado na narratoloxía da danza

[20/02/2012] O Centro Coreográfico Galego, o Institut del Teatre e o Mercat de les Flors de Barcelona acaban de editar A contracuento. La danza y las derivas del narrar, do profesor italiano Roberto Fratini, que fai o cuarto volume da súa colección Corpo de letra: danza e pensamento, pioneira no ámbito da teoría da danza contemporánea.

O libro supón a publicación da tese de doutoramento pola que Fratini obtivo a máxima cualificación trala súa defensa o pasado mes de decembro na Universidade Autónoma de Barcelona. Nela, o autor aposta por unha fenomenoloxía da narración a partir da "resurrección do xesto dancístico", en contraposición a determinadas correntes críticas que consideran a narración como un elemento alleo ao espírito da danza.

Roberto Fratini (Milán, 1972) é profesor de Teoría da Danza na Universidade de Pisa e no Conservatorio Superior de Danza de Barcelona, ademais de dramaturgo, poeta e ensaista. Asiduo colaborador do Mercat de les Flors, centro barcelonés de referencia internacional para a investigación, produción, creación e difusión da danza e as artes do movemento, ten realizado dramaturxias para diferentes coreógrafos en España, Francia, Suíza e Italia, e imparte regularmente cursos especializados, clases e talleres de teoría e dramaturxia da danza e distintas institucións universitarias e teatrais europeas.

En librarías especializadas
Cunha tiraxe inicial de 1.000 exemplares, A contracuento. La danza y las derivas del narrar atópase xa á venda en librarías especializadas a un prezo de 23 euros.

A colección, inaugurada en 2009 con O esgotamento da danza. Performance e a política do movemento, do antropólogo e dramaturgo de orixe brasileira André Lepecki, naceu co obxectivo de dotar de obras de referencia e propostas críticas inéditas a un sector artístico que dispón de escaso material teórico. Os outros dous números editados recollen senllas recompilacións de ensaios baixo os títulos Arquitecturas da mirada (número 2) e Facer historia. Reflexións desde a práctica da danza (número 3).

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais