[25/02/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) acaba de convocar o proceso de selección dun total de 12 bailaríns e bailarinas para a nova produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), Etheria. A viaxe soñada, baixo a dirección da coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez. Segundo as bases publicadas onte na web da AGADIC, os interesados en participar nas audicións que se celebrarán na Coruña os días 29 e 30 de marzo teñen de prazo ata o vindeiro día 13 para remitir as súas solicitudes.
LEVARÁ POR TÍTULO "ETHERIA. A VIAXE SOÑADA" E EVOCARÁ O PERIPLO DA PROTAGONISTA DESDE XERUSALÉN ATÉ COMPOSTELA A TRAVÉS DE DANZA, IMAXE E MÚSICA
[19/02/2010]
A coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez Rodríguez, fundadora da compañía Druída Danza, dirixirá o próximo espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) a petición da dirección da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais). A nova produción, que levará por título Etheria. A viaxe soñada, evocará por medio da danza, a música e a imaxe o periplo da protagonista, unha relixiosa galega no século IV, na súa peregrinación de retorno desde Xerusalén até Compostela.