O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO CONTRIBÚE Á CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA DANZA CUNHA PROGRAMACIÓN ESPECIAL QUE DESENVOLVE ATA MAÑÁ SÁBADO EN SANTIAGO
[29/04/2011]
A I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolve dende o pasado martes en Santiago de Compostela, chega mañá ao seu fin cunha intensa xornada durante a que se exhibirán un total de 10 propostas coreográficas a cargo doutras tantas formacións de danza tradicional, contemporánea e de integración. Finaliza así esta programación especial, deseñada polo Centro Coreográfico Galego (CCG) como achega ás celebracións do Día Mundial da Danza, que se conmemora hoxe, e co obxectivo de facilitar unha perspectiva das diferentes liñas de traballo dentro da escena coreográfica galega.
CELÉBRASE EN SANTIAGO DENDE HOXE E ATA O VINDEIRO SÁBADO DÍA 30, CON PROGRAMACIÓN MATINAL NA PRAZA DE CERVANTES E DE TARDE NO SALÓN TEATRO
[26/04/2011]
Máis de 200 artistas danse cita dende hoxe en Santiago de Compostela para participar na primeira edición da Mostra de Danza de Galicia que, baixo a organización do Centro Coreográfico Galego (CCG), desenvolverá un intenso programa de exhibición ata o vindeiro sábado día 30. A actividade esténdese ao longo destas cinco xornadas con sesións matinais na praza de Cervantes e de tarde no Salón Teatro, ata completar un total de 37 actuacións a cargo de formacións galegas de moi diferentes estilos.
O SALÓN TEATRO E A PRAZA DE CERVANTES ACOLLERÁN DIFERENTES PROPOSTAS COREOGRÁFICAS EXECUTADAS POR 200 ARTISTAS
[14/04/2011]
Coincidindo co Día Internacional da Danza, celebración que se conmemora cada 29 de abril, o Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza a I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 26 e 30 deste mes con 35 compañías participantes. O Salón Teatro amosará de martes a sábado unha sucesión de máis de 20 pezas, cada unha delas duns 30 minutos de duración, levadas a cabo por unha ampla representación de compañías, intérpretes e creadores galegos. Durante as mañás a Mostra ocupará tamén a Praza de Cervantes, nun emprazamento aberto aos viandantes e no que participarán 10 formacións artísticas.